Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2021.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na entrega das dúas últimas edicións do Premio Elías Valiña, onde loou o papel dos galardoados para manter viva e promover a cultura xacobea.

En concreto, entregáronse os premios da XXI e XXII edición, nos que foron distinguidos a Asociación Xacobea de Almería Camiño Mozárabe, os Amigos do Camiño Xacobeo dos Pirineos Atlánticos, a Asociación de Amigos do Camiño en Ávila e a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Hungría pola súa aposta pola hospitalidade e tamén por contribuír a manter os valores do Camiño.

Ademais, recoñeceuse tamén a Antolín de Cela Pérez, cuxo labor como promotor de numerosos proxectos culturais e sociais no Bierzo ten servido para recuperar e restaurar o patrimonio relixioso xacobeo e, a título póstumo, ao médico, antropólogo, docente e académico galego José Carro Otero, polo seu traballo a favor da investigación e divulgación mediante unha perspectiva científica e humanista integral.

Revitalizar o patrimonio cultural

Como expresou Román Rodríguez, todos eles, ao longo da historia contribuíron a construír as bases dunha sólida cultura xacobea e “a facer aínda máis grande o Camiño e a súa expresión universal ao tempo que deixan claro que os principios do Xacobeo transcenden fronteiras e se converten en guías espirituais e morais para calquera época e lugar”.

Román Rodríguez indicou que neste dobre Ano Santo o traballo destas entidades é máis valioso que nunca ao tempo que é clave revitalizar o patrimonio cultural, histórico e espiritual que lle é propio ao Camiño de Santiago. “Todos temos unha responsabilidade para seguir facendo do Camiño a experiencia cultural máis importante da cristiandade, pero tamén do propio continente europeo”, engadiu. Neste sentido, o Goberno autonómico incrementa nun 23,5% nos orzamentos para actuar sobre o patrimonio e ten en marcha iniciativas como o Plan Catedrais da Xunta de Galicia, para poñer a punto os templos de cara ao vindeiro Ano Santo, ou o Plan BIC dos Camiños de Santiago.

Premios con máis de 20 anos

Os Premios Elías Valiña superan os 20 anos de existencia e distinguen o labor revitalizador dos valores do Camiño de Santiago. Composto por membros da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e por investigadores en materia xacobea, entre outros, o xurado valora as candidaturas presentadas en función de catro criterios.

En concreto, céntranse nas intervencións encamiñadas á protección do patrimonio, os traballos de investigación, documentación e fomento do Camiño de Santiago e do fenómeno xacobeo para difundilo entre a cidadanía, a posta en marcha de accións de sensibilización e fomento do asociacionismo ou as accións encamiñadas a potenciar valores propios do Camiño na súa dimensión espiritual, solidaria e social.

Fuente: Xunta de Galicia

Translate »
×

Contacta con nosotros:

× ¿Cómo puedo ayudarte?