O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou o pasado 30 de xaneiro de 2021 que a próxima semana se publicará a orde de axudas deste ano dirixida a entidades locais e particulares para levar a cabo actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos no Camiño de Santiago e que contará cun orzamento de 1,5 millóns de euros. O Goberno galego incrementa a dotación respecto aos 1,2 millóns da última convocatoria para consolidar a boa imaxe das rutas xacobeas e seguir a traballar na mellora dos trazados neste Xacobeo 2021.

Alfonso Rueda fixo o anuncio durante a súa visita á igrexa de San Xoán de Botos de Lalín, onde se acometeron distintas actuacións de mellora ao abeiro desta liña de axudas. A asociación cultural San Bartolomé de Botos foi un dos máis dun cento de beneficiarios da última convocatoria, e recibiu 10.000 euros para mellorar o entorno deste templo situado na ruta da Vía da Prata do Camiño de Santiago, así como a praza da súa contorna.

As actuacións realizadas incluíron a substitución do falso teito deixando á vista a estrutura de madeira de castiñeiro, a instalación de novas luminarias, traballos de pintura e a reparación de filtracións de auga. Trátase de melloras, que como sinalou o vicepresidente primeiro da Xunta, contribúen a consolidar a boa imaxe do Camiño de Santiago por parte dos peregrinos que percorren a ruta da Vía da Prata.

Nesta liña, resaltou o compromiso da Administración autonómica para actuar nos trazados, no entorno e nas infraestruturas do Camiño de Santiago para ter todo preparado e nas mellores condicións para recibir aos turistas e peregrinos cando a situación sanitaria derivada da pandemia do coronavirus permita recuperar a mobilidade.

Así, destacou que, neste caso, coa nova convocatoria da liña de axudas destinada a proxectos de embelecemento, favorecerase de novo a posta en marcha da restauración de elementos etnográficos, vivendas e espazos agrarios, así como traballos de naturalización e embelecemento do trazado co obxectivo de poñer en valor a paisaxe e a cultura vinculados ao Camiño.

Algúns dos proxectos que poden optar a estas axudas están relacionados co mantemento e a conservación de fontes, lavadoiros, hórreos, valados e peches ou calquera outro elemento tradicional; o revestimento e rehabilitación de vivendas e edificios anexos; ou a substitución de mobiliario urbano deteriorado na contorna do Camiño.

As iniciativas poderán ser financiadas ata nun 75% cun máximo de 15.000 euros por solicitude no caso da categoría 1 destinada aos concellos polos que pasa algunha das rutas xacobeas; e de 10.000 euros para a categoría 2 dirixida a persoas físicas e xurídicas privadas.

O vicepresidente primeiro da Xunta incidiu na importancia destas axudas para fomentar a participación da cidadanía nun Xacobeo diferente polas circunstancias da pandemia pero que será descentralizado, participativo e o mellor dos posibles

Fonte: Xunta de Galicia

#xacobeo2021 #xuntadegalicia

Translate »
×

Contacta con nosotros:

× ¿Cómo puedo ayudarte?